É o terceiro ano consecutivo que o noso centro colabora coa fundación Abanca de Monforte, a través de Carlota a persoa que dirixe as actividades no centro de maiores da terceira idade, sito no Cardenal. Aproveito para agradecerlles que conten co noso colexio para este proxecto.
Dende a materia de Ciencias Sociais, este pasado luns día 16, tivemos o primeiro encontro cos emigrantes retornados, no que os maiores explicaron as súas experiencias de vida.
O vindeiro luns día 23 os alumnos traballarán de novo cos emigrantes retornados que viven en Monforte, en grupos cooperativos,temas específicos relativos á emigración.
É moi importante para a formación dos nosos alumnos, a valoración da evolución social dende a perspectiva das emigracións, do pasado ata hoxe, analizar os motivos e situacións que levaron aos nosos veciños a emigrar, tratando de atopar un futuro mellor e sempre co desexo de retornar algún día a súa terra.
Tamén coñecen de primeira man, as evidentes dificultades do retorno, pois os anos pasan e aquela Galicia xa non é a mesma,- gracias a Deus!, máis tampouco é aquela terra extranxeira onde pasaron os mellores anos da mocidade.
Os rapaces a través destas experiencias son conscientes das posibilidades educativas e de desenvolvemento que supón vivir nunha sociedade: plural, democrática e de pleno dereito.
Todos tomamos conciencia da necesidade de manter un Estado de Benestar que custou moitísimo conseguir e que pende dun fío por momentos. Reflexionamos sobre a construción dunha sociedade comprometida coa mocidade para que esta teña por suposto mobilidade europea como así indica o plan Bolonia, máis temos que lograr que os mozos non abandonen a súa terra por completo.
É necesario que cada un de nós aporte, na medida do posible, o seu grao de area para a creación dunha sociedade de valores e con valor, onde as persoas sexan máis conscientes da necesidade da defensa do patrimonio galego propio, como parte esencial para salvagardar a identidade colectiva.